Sunday 05 de May de 2024

Choca contra outro coche ao quedarse o condutor mirando a outro vehículo ardendo na estrada de Seoane a Ponte Maceira


O GES participou na extinción do lume do vehículo e tamén na extinción doutro lume no centro de control da AG-56 en Pardiñas

Efectivos do Grupo de Emerxencias Municipal de Brión participaron esta mañá na extinción dun lume nun vehículo na estrada que une Seoane con Ponte Maceira, á altura do desvío cara Santa Comba. O GES briónés daba así resposta a unha chamada recibida ás 10:30 horas do 112 Galicia, que recibira varias chamadas de particulares que alertaban dun vehículo ardendo nesa vía pública.
Ata o lugar do sinistro acudiron tamén técnicos de Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Policía Local, Bombeiros de Santa Comba e Garda Civil de Tráfico. Mentres apagaban o lume tivo lugar un segundo sinistro entre dous vehículos que se saldou con dúaspersoas feridas. Un accidente que tivo lugar pola distracción dun dos condutores, que se quedou mirando para o vehículo que estaba ardendo, saíuse da vía e chocou contra un terceiro turismo. As dúas persoas feridas precisaron asistencia médica.
No caso do vehículo que ardeu non se produciron danos persoais, pero o coche quedou completamente calcinado. Os membros do CGES encargáronse tamén a limpeza da vía e de restablecer as condicións de seguridade.
Lume en Pardiñas
Tras este sinistro, os membros do GES de Brión acudiron a un segundo aviso por un lume urbano no centro de control da AG-56 en Pardiñas. Un sinistro que se saldou sen feridos e só con danos materiais. Os técnicos do GES Brión traballaron canda os bombeiros de Santiago, que colaboraron a estabilizar a zona toda vez que o lume xa estaba extinguido cando chegaron.